A política Fátima Hamed explica en Santiago o "dobre esforzo" das mulleres "para seren escoitadas"
A tamén avogada interviu no curso de verán 'Diálogo co mundo árabe: Os dereitos humanos'.
Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2022 | Actualizada ás 19:44
O curso de verán 'Diálogo co mundo árabe: Os dereitos humanos' continuou este mércores
na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago coa participación da avogada e
concelleira-deputada da Asemblea de Ceuta Fátima Hamed, que impartiu a conferencia
'A cidadanía desde a perspectiva da muller'.
De nacionalidade española e relixión musulmá, Hamed explicou ás persoas participantes deste
curso, cofinanciado polo Concello de Santiago e a Fundación Araguaney, que Ceuta posúe
catro culturas: musulmáns, cristiáns, hindús e xudeus. Trátase dunha cidade pequena de
gran diversidade cultural e relixiosa, con convivencia pacífica e respectuosa, onde predominan
o intercambio e a mestura.
Tal e como contou Hamed, na Asemblea de Ceuta hai nove mulleres de distintos partidos
dun total de 25 concelleiros, aínda que admitiu as dificultades pola súa condición de muller.
"É certo que nós debemos facer un dobre esforzo que eles para ser escoitadas", afirmou.
A xornada continuou coa intervención do codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e
Acción Humanitaria (IECAH) e patrón da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, Jesús A.
Núñez Villaverde, que falou de 'Reordenación estratéxica do mundo árabe-musulmán:
Palestina como exemplo'. O experto explicou que, máis dunha década despois do estalido das
chamadas "primaveras árabes", a rexión segue nun alto estado de convulsión, coa
permanencia de focos de conflito, sen visos de solución a curto prazo e a profundización
dunhas brechas de desigualdade, xunto ao recorte de dereitos e liberdades que auguran un
futuro aínda máis desestabilizador.
Coa mirada posta no futuro, Núñez apuntou que "non ve ningunha luz de esperanza ao final
do túnel", xa que Palestina é a parte máis débil da ecuación, "fragmentados, mal dirixidos e
cunha autoridade impotente e caduca". Neste punto, asegurou que Israel ten a capacidade e
a vontade de conseguir o seu obxectivo, que é o "dominio total da Palestina histórica".
Xa pola tarde interveu no curso o doutor en Relacións Internacionais pola Universidade
Complutense de Madrid Isaías Barreñada, que impartiu un relatorio titulado 'Unha relectura
crítica das protestas do 2011 e as súas consecuencias. Restauración autoritaria e bloqueo do
pacto social'. A continuación, deu o seu relatorio a directora xeral de Addameer (Organización
nos territorios palestinos ocupados), Sahan Francis, sobre as 'Condicións de vida nos
cárceres israelís'.
Pechou a xornada o oftalmólogo e escritor activista sobre a causa árabe Mohamed Safa,
tamén codirector do curso, que expuxo 'A segunda Nakba Palestina', intervención na que
analizou o suposto proceso de paz, que na súa opinión é máis "unha segunda Nakba con
respaldo internacional que consiste na confiscación do territorio e a expulsión dos seus
habitantes mediante o embargo, o encarceramento e os asasinatos, co fin de baleirar o
territorio e anexionalo".
No hay comentarios:
Publicar un comentario