Ambulancia en Gaza, destrozada polos ataques de Israel. / Abed Rahim Khatib
BENVIDA Á FLOTILLA DA LIBERDADE: VIGO CON GAZA, VIGO CON PALESTINA
Desde a Plataforma Cívica de Vigo pro Palestina queremos dar a benvida á nosa cidade ás mulleres e homes da Freedom Flotilla – Rumbo a Gaza, que chegan nunha nova travesía internacional de solidariedade co pobo palestino antes de continuar cara a Gaza.
Recibímola con gratitude e respecto: pola súa decisión de converter un barco nunha voz de denuncia, por asumiren persoalmente os riscos de tratar de chegar a unha Gaza sometida ao bloqueo, e por lembrarnos que, cando os gobernos non cumpren coas súas responsabilidades, a sociedade civil non pode limitarse a mirar en silencio.
A Flotilla non navega só para transportar axuda. Navega para denunciar un bloqueo que ten que rematar, para reivindicar a liberdade do pobo palestino e para interpelar aos gobernos que, tendo instrumentos políticos, diplomáticos, económicos e xurídicos para actuar, non o fixeron coa determinación necesaria. Por iso a súa travesía polos portos europeos importa moito máis alá do seu destino final.
Palestina continúa
A atención internacional desprázase dun conflito a outro, os titulares cambian, e palabras como «tregua» ou «plan de paz» poden dar a impresión de que o peor xa pasou. Pero Palestina continúa: seguen as mortes, os ataques e o sufrimento da poboación civil; segue unha situación humanitaria extrema; seguen as restricións á entrada de bens imprescindibles; e segue a ocupación e a violencia en Cisxordania.
Hai apenas uns días, a Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos advertía de que, case un ano despois do anuncio dun cesamento do fogo, ninguén está seguro en Gaza, e reclamaba o fin das mortes e responsabilidades polas violacións cometidas. A Oficina das Nacións Unidas para a Coordinacion de Asuntos Humanitarios (OCHA), pola súa banda, cualifica a situación no conxunto dos territorios palestinos ocupados como «profundamente alarmante»: a maior parte dos 2,1 millóns de habitantes de Gaza segue desprazada e persisten os ataques, as vítimas civís e as trabas á acción humanitaria.
Por iso cómpre seguir falando de Palestina. E por iso cómpre que barcos coma os desta Flotilla sigan navegando.
O Dereito Internacional non pode ser opcional
A cuestión palestina volveuse tamén unha proba decisiva para a credibilidade do sistema internacional construído despois da Segunda Guerra Mundial. O Dereito Internacional non pode aplicarse dun xeito segundo quen sexa o Estado que o vulnera, quen sexan as vítimas ou que intereses xeopolíticos haxa en xogo. Os Convenios de Xenebra, o Dereito Internacional Humanitario, as resolucións das Nacións Unidas e as decisións dos tribunais internacionais non son declaracións morais facultativas: son normas e obrigas que os Estados deben respectar e facer respectar. E cando se vulneran, ten que haber responsabilidades.
A experiencia recente das flotillas amosa a importancia disto. Tras a interceptación dunha flotilla con destino a Gaza en augas internacionais o pasado abril, expertos das Nacións Unidas cualificaron a actuación como unha vulneración do Dereito Internacional, reclamaron a liberación das persoas detidas e lembraron a obriga de permitir e facilitar a asistencia á poboación de Gaza.
Por iso, ante esta nova travesía, reclamamos que os Estados garantan a liberdade de navegación e a seguridade das persoas que integran a Flotilla, e que calquera ataque, interceptación ilegal ou detención teña unha resposta política e xurídica efectiva. Non podemos aceptar que a impunidade se converta na norma.
Palestina e o mundo que estamos construíndo
A chegada da Flotilla prodúcese, ademais, nun momento internacional especialmente preocupante. Como xa advertimos noutras mobilizacións, Palestina non é unha traxedia illada: alí vemos levadas ao extremo dinámicas que hoxe ameazan a comunidade internacional enteira —o desprezo polo Dereito Internacional, a forza como instrumento político, a deshumanización do adversario, a impunidade das grandes potencias, o rearme, o belicismo e a substitución progresiva das normas pola lei do máis forte.
O mundo atravesa unha escalada militar perigosa. A guerra volve presentarse coma unha ferramenta normal das relacións internacionais, multiplícanse as ameazas, medran os orzamentos militares e retroceden os mecanismos de cooperación, negociación e seguridade colectiva.
Defender Palestina, neste contexto, é tamén defender unha idea concreta do mundo: un mundo onde ningún Estado se poida situar por riba da lei, onde os pobos teñan dereito á súa soberanía e á súa existencia, onde os conflitos se resolvan pola política e non pola destrución, onde os dereitos humanos non dependan da nacionalidade das vítimas, e onde a comunidade internacional sexa quen de esixir responsabilidades tamén aos poderosos.
Benvidas e benvidos a Vigo
Por todo isto, desde Vigo queremos dicirlle á xente da Freedom Flotilla: grazas por vir, por navegar, por asumir riscos que non deberiades ter que asumir, por manter Palestina diante dos ollos dun mundo que se acostuma demasiado facilmente á barbarie.
A vosa travesía lembra que a sociedade civil non é unha espectadora das relacións internacionais. Cando as institucións fracasan, cando os gobernos calan e cando se vulnera o Dereito, a cidadanía ten tamén a responsabilidade de organizarse, mobilizarse e esixir que se cumpran as normas.
Desde a Plataforma Cívica de Vigo pro Palestina recibímoslos coma compañeiras e compañeiros dunha mesma causa: a de Palestina, a da paz, a do Dereito Internacional e, no fondo, a da dignidade humana.
Benvida a Vigo, Flotilla da Liberdade. Que o vento de popa da decencia, da Humanidade e da liberdade vos acompañe ata Gaza.
¡Viva Palestina libre!
PLATAFORMA ESTÁ FORMADA POR:
Comisión Cidadá pro Palestina, CC.OO., UGT, Esquerda Unida, Podemos, Movemento Sumar Galicia, Recortes Cero, Alianza Verde, Amnistía Internacional, Asociación Cidadá Fernando Hoyos, Amigas da Terra, Parroquia Cristo da Vitoria, Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública, Foro Cívico, Colectivo Cultural Pertenza, Diem25, Un Mundo sen Guerras e sen Violencia, MODEPEN, Foro Socioeducativo Os Ninguéns, Verdes-Equo, Ollo do Furacán, Parar la Guerra, Rexurdir Galicia, Distopías 18, Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde, Sindicato de Inquilinas.


No hay comentarios:
Publicar un comentario